Case 600 pemes galegas teñen potencial para cotizar no Mercado Alternativo Bursátil

Jueves, 1 Octubre, 2015
ECO Eixo Atlántico

ECO REVISTA DO EIXO ATLÁNTICO

Estas pequenas e medianas empresas supoñen unha quinta parte do PIB galego polo seu potencial de capitalización en bolsa, segundo os datos de DCM Asesores recollidos pola patronal deste segmento, Aemab.

Estas empresas –analizadas con motivo do Foro "Algo está cambiando no MAB", que se está a celebrar hoxe en Santiago de Compostela– responden a perfís moi diferentes, pero todas elas comparten un denominador común: son pequenas e medianas empresas cun enfoque de negocio innovador. O sector con máis representación neste grupo de 600 firmas galegas é o de materiais, industria e construción, co 34,6% do total, seguido do de servizos e bens de consumo, cun 28,8% e 24,7%, respectivamente. Na actualidade, o MAB conta con dúas firmas galegas, Altia Consultores e Euroespes, ás que poderían sumarse novas cotizadas nos próximos anos, a tenor destes datos e das previsións de Aemab, que espera que este mercado adicado a compañías en expansión conte cun total de 500 cotizadas nun prazo de 15 anos.

Para este ano, a asociación estima un crecemento en número de empresas do 30% respecto ao peche de 2014. Un ritmo que confía en que continúe en 2016 e que incluso se acelere para chegar así a esa cifra dentro de 15 anos, o que suporía a metade das máis de mil de compañías que actualmente cotizan no AIM británico, un mercado alternativo de referencia que chegou a acoller máis de 3.000 pemes e que actualmente supón o 4% do PIB de Reino Unido, fronte ao 0,16% do PIB español que representa o MAB.

Alternativa a un mercado “superbancarizado”

Para a asociación, conseguir que o MAB acade esa cifra crítica de 500 compañías sería un éxito nun país no que o Alternativo se converteu na única opción real de financiamento para máis do 90% de pequenas e medianas empresas que conforman o tecido produtivo do noso país. De feito, Aemab estima que actualmente hai 30.000 pemes en España que poderían cotizar no MAB, arredor do 1% do total. Segundo a patronal, as pemes españolas están estranguladas financeiramente, xa que teñen unha forte dependencia do crédito bancario, que supón o 90% das alternativas de financiamento no noso país. Esta situación contrasta coa que se vive en Estados Unidos, onde o financiamento bancario só supón o 60% do total.

Para o presidente da asociación, Antonio Romero-Haupold, “a superbancarización do sistema español está impedindo atopar recursos a empresas innovadoras e con negocios disruptivos, que terminan marchando fóra para atopar financiamento para os seus proxectos. Iso é precisamente o que dende Aemab queremos evitar, por iso queremos facer do Alternativo un reactor para que as compañías poidan medrar e desenvolver por si soas o seu negocio”.

Share